Logo de terse formado en Pontevedra o grupo de musica tradicional Maravallada no ano 2010, nace no 2011 a Asociación Cultural Maravallada coa intención de levar a cabo proxectos de recuperación e difusión da cultura tradicional.
Até o de agora Maravallada ten realizado, ademais dos cantos de taberna, panxoliñas na rúa e nas tabernas, obradoiros de canto tradicional, ensaios abertos en distintos centros culturais da cidade e o último proxecto mais ambicioso o “Aquí Cántase”.
Ademais dende o ano 2015 organiza a entrega da Cunca Maravallada, Gala que quere recoñecerlle a entidades ou particulares o traballo e adicación á promoción da música tradicional na súa variante de canto.
Os Nosos Principios
A Asociación Cultural “Maravallada” creouse coa intención de traballar no eido da recuperación e difusión da Cultura Tradicional e a Lingua Galega en xeral, e de certos aspectos en particular, que por desgraza se foron perdendo e que, de non facelo, quedarán esquecidos para sempre.
Conta con membros que xa teñen ampla experiencia no asociacionismo galego e na música e o folclore tradicional, co compromiso de levar a cabo este proxecto co máximo rigor e profesionalidade.